O
Día das Letras Galegas, diante do monumento a Rosalía de Castro nos
xardíns da Ferradura en Compostela, realizamos
unha ofrenda floral para reivindicar o noso dereito á educación (en
galego, como é natural).
Durante
o acto leuse o seguinte manifesto:
“ A
fala é a chave da porta da súa liberdade [dun pobo] e o facho que
alumea os seus roteiros de eternidade.
Abondan estas palabras de don Ramón Cabanillas para
considerar a lingua galega como a creación máis sobranceira do pobo
galego. Lingua de labregos e de mariñeiros, mais tamén de poetas e
de reis.
A nosa fala é a pegada que, ao longo dos séculos, foi
deixando en nós a paisaxe, os nosos modos de vida, a nosa relación
coa terra. Nela reflíctese o pulo creador dos devanceiros, sempre co
pouso da ansia de transcendencia dos habitantes que nos deron nome.
Neste mes de maio cantámoslle á lingua e celebramos
unha primavera máis das mil primaveras que o Mestre Cunqueiro
recordou nunha frase que aceptamos en herdanza.
Porén, esta festa non vén acompañada de alboradas nin
de foguetes que anuncian a alegría do novo día. É unha festa cun
saibo agridoce.
Desde o ano 1983, en que aprobamos a Lei de
Normalización Lingüística, non se conseguiu garantir a
normalización do uso da lingua, xeralmente pola belixerancia ou polo
deixamento das obrigas das nosas autoridades educativas, que
consentiron que o azar guiase o camiño cara á equiparación das
linguas oficiais, o que é imposible por partiren dunha situación de
desigualdade, se non hai unha vontade firme de aplicar a lei.
Todo
atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa
cultura popular. Recordóunolo o
admirado Castelao, e a el volvemos para buscar a esperanza que nos
soubo transmitir. Só convertendo en 17 de maio os 365 días do ano é
como o país do que naceu pode recuperar os ámbitos de uso da
lingua.
A familia e unha educación en galego dende as primeiras
etapas educativas son elos fundamentais na cadea de transmisión da
lingua. Cómpre recordarlles aos Poderes Públicos a obriga de levar
á práctica as súas declaracións de boa vontade, así como a de
dar pasos firmes para conseguir unha educación de calidade, en
valores e pluralista, que recolla o desexo maioritario da nosa xente
de conservar a cultura que a singulariza no mundo.
Atopámonos hoxe ante a Musa do Pobo, que reivindicou o
uso do galego e tamén o prestixiou como lingua literaria, abrindo o
camiño do Rexurdimento das nosas Letras. Ao pé da súa estatua
pedimos mil primaveras máis para o galego.”
A continuación, participamos na manifestación da
plataforma Queremos Galego.
Queremos
amosar o noso agradecemento a todas as persoas que nos acompañaron
durante a ofrenda floral así como ás que compartiron connosco o
percorrido da manifestación precedidos da nosa pancarta de Ensino en
Galego.