19/5/2012

Ofrenda floral e manifestación 17 de maio 2012


O Día das Letras Galegas, diante do monumento a Rosalía de Castro nos xardíns da Ferradura en Compostela, realizamos unha ofrenda floral para reivindicar o noso dereito á educación (en galego, como é natural).

Durante o acto leuse o seguinte manifesto:

A fala é a chave da porta da súa liberdade [dun pobo] e o facho que alumea os seus roteiros de eternidade.
Abondan estas palabras de don Ramón Cabanillas para considerar a lingua galega como a creación máis sobranceira do pobo galego. Lingua de labregos e de mariñeiros, mais tamén de poetas e de reis.
A nosa fala é a pegada que, ao longo dos séculos, foi deixando en nós a paisaxe, os nosos modos de vida, a nosa relación coa terra. Nela reflíctese o pulo creador dos devanceiros, sempre co pouso da ansia de transcendencia dos habitantes que nos deron nome.
Neste mes de maio cantámoslle á lingua e celebramos unha primavera máis das mil primaveras que o Mestre Cunqueiro recordou nunha frase que aceptamos en herdanza.
Porén, esta festa non vén acompañada de alboradas nin de foguetes que anuncian a alegría do novo día. É unha festa cun saibo agridoce.
Desde o ano 1983, en que aprobamos a Lei de Normalización Lingüística, non se conseguiu garantir a normalización do uso da lingua, xeralmente pola belixerancia ou polo deixamento das obrigas das nosas autoridades educativas, que consentiron que o azar guiase o camiño cara á equiparación das linguas oficiais, o que é imposible por partiren dunha situación de desigualdade, se non hai unha vontade firme de aplicar a lei.
Todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura popular. Recordóunolo o admirado Castelao, e a el volvemos para buscar a esperanza que nos soubo transmitir. Só convertendo en 17 de maio os 365 días do ano é como o país do que naceu pode recuperar os ámbitos de uso da lingua.
A familia e unha educación en galego dende as primeiras etapas educativas son elos fundamentais na cadea de transmisión da lingua. Cómpre recordarlles aos Poderes Públicos a obriga de levar á práctica as súas declaracións de boa vontade, así como a de dar pasos firmes para conseguir unha educación de calidade, en valores e pluralista, que recolla o desexo maioritario da nosa xente de conservar a cultura que a singulariza no mundo.
Atopámonos hoxe ante a Musa do Pobo, que reivindicou o uso do galego e tamén o prestixiou como lingua literaria, abrindo o camiño do Rexurdimento das nosas Letras. Ao pé da súa estatua pedimos mil primaveras máis para o galego.”

A continuación, participamos na manifestación da plataforma Queremos Galego.
Queremos amosar o noso agradecemento a todas as persoas que nos acompañaron durante a ofrenda floral así como ás que compartiron connosco o percorrido da manifestación precedidos da nosa pancarta de Ensino en Galego.

10/5/2012

A prol do “noso dereito á educación”


Este 17 de maio, ás 11,30 horas, Galiza co Galego realizará unha ofrenda floral ante a estatua de Rosalía de Castro, no Paseo da Ferradura de Compostela, a prol do “noso dereito á educación”, e participará ás 12 horas na manifestación que convoca a plataforma “Queremos Galego” baixo o lema “Paremos os ataques contra o galego".

Para Galiza co Galego o futuro está na educación, sendo obriga dos poderes públicos a súa garantía e defensa. Na Galiza, o desleixo da Administración está a impedir na práctica o dereito á educación en galego, polo que é a cidadanía a que está a tomar a iniciativa organizándose en asociacións en defensa do ensino.

Galiza co Galego está a promover a creación dunha rede de ensino popular en galego, de calidade, en valores, laica e pluralista. No mes de xuño porá en marcha a Cooperativa de Ensino popular, que permitirá dar ensino en galego en calquera lugar de Galiza.
Galiza co Galego fai un chamamento aos seus socios e socias e apoios a participaren nestes actos reivindicativos.


En Ferrol a 10 de maio de 2012
Comisión Galiza co Galego