informa

Comunicado de Prensa

Galiza co Galego en favor das escolas infantís, apoia a mobilización do día 9 de abril que rematará nunha concentración ás 12 da mañá no Concello de Narón.

Na reunión que mantivemos coa concelleira de educación do Concello de Narón (Sra. Espada), este pasado 26 de marzo, fomos informados da evolución das achegas da Xunta de Galicia ás escolas infantís que dende o 2007 se veñen reducindo considerabelmente.
O Concello estase a facer cargo das fallas de achegas da Xunta desembolsando, deste xeito, unha cantidade moi por riba do terzo do custo das escolas que o municipio entende que como máximo pode asumir. Considérase que a Administración Autonómica, superior en xerarquía á Municipal, debera asumir un custe superior a este ou, como mínimo, o mesmo.
É importante destacar que o Concello de Narón pon as escolas, os edificios, a súa dotación, fai a xestión amais da achega do 33% do seu orzamento. Dende Galiza co Galego non comprendemos como a Xunta de Galicia non acepta o financiamento conxunto co Concello.
O Concello de Narón ten pendente de abrir unha nova escola infantil en Xuvia, xa rematada e con todas as prazas comprometidas, e mesmo con lista de espera. A apertura desta nova escola depende dun acordo entre ambas as administracións, Xunta e Concello.
Galiza co Galego entende que é de xustiza que a administración autonómica cumpra co seu deber que está regulado pola lexislación vixente e amparado pola lexislación internacional. [Declaración Universal dos Dereitos da Infancia en 1959, Convención Internacional dos Dereitos da Infancia en 1989. Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se estabelece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia...]
A administración ten a obriga de favorecer o dereito da infancia á educación, e tamén o dereito dos administrados/as á conciliación da vida familiar e laboral.
Os prezos públicos marcados pola Xunta para o pago das familias nas escolas infantís é dun máximo de 230 euros mensuais incluído o comedor.
As familias, en asemblea, teñen manifestado a súa grande preocupación pola falla de compromiso da administración autonómica.
Na situación actual, de crise, cando o salario mensual mínimo interprofesional é de 641,40 euros, enténdese o desmesurado do custo da praza da escola infantil que tería que asumir cada familia sen a axuda da Xunta de Galicia.
O Concello estima nun millón de euros o custo aproximado das catro escolas infantís de Narón (Xuvia, Piñeiros, A Solaina, A Gándara), atendendo a máis de 350 prazas escolares.
Na xunta que mantiveron, este 2 de abril, no Concello de Narón, os grupos municipais, as Anpas, sindicatos e representación das traballadoras das escolas infantís, acordouse que o goberno local asumirá as protestas institucionais e as Anpas e as traballadoras realizarán as accións de mobilización da cidadanía.
O alcalde solicitará unha reunión co presidente da Xunta, para reclamarlle a asunción das súas responsabilidades, avalado polas máis de 6.000 sinaturas de apoio ás escolas infantís que as Anpas enviaron xa á administración. Así mesmo solicitará o abeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias.
As Anpas teñen previsto manter unha entrevista no Parlamento galego para explicar e acadar o apoio dos representantes da cidadanía.
As Anpas e as traballadoras organizarán unha manifestación o luns 9 de abril e que partirá dende cada escola infantil, ás 11 da mañá con remate no Concello de Narón ás 12 horas.
Galiza co Galego, manifestou na reunión o seu apoio ás actuacións tanto institucionais como das Anpas e traballadoras en defensa das escolas infantís.
Ao entender de Galiza co Galego, a garantía de dereitos asegúrase mellor cando hai un marco estábel, situación que se daría coa sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello.
Ferrol, 4 de abril de 2012

Galiza co Galego mostra o seu apoio ao Concello de Narón na defensa das escolas infantís municipais.

Participará este venres diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, ás 17:00 h. e na concentración do domingo 25 ao mediodía, na praza de Galicia de Narón.
Galiza co Galego está a constituír o Fondo económico da Escola Popular, para axudar as familias a exercer o dereito universal da infancia á educación, e está en disposición de garantir que ningún neno ou nena que sexa escolarizado en galego quede sen escolarizar, asumindo se fose preciso o custo desa praza.
Galiza co Galego é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como fin a defensa dos dereitos da infancia á educación en galego, laica e pluralista.
Galiza o Galego ponse á disposición do Concello de Narón e dos educadores e das nais e pais para, en conxunto, buscar unha solución.

Ferrol a 22 de marzo de 2012



Noticia
20/03/2012 - Galiciaé LV / Axencias
O Concello de Narón e os sindicatos CCOO, UXT, CIG e USTG mobilizaranse xunto ás ANPAS das tres garderías municipais da Gándara, A Solaina e Piñeiros en resposta a negativa da Xunta a asumir a xestión das escolas infantís, que previsiblemente terán que pechar o curso próximo por falta de fondos.

Os grupos da corporación de Narón (Terra Galega, BNG, PP, PSOE e Converxencia Galega), os catro sindicatos e tres asociacións de pais e nais de alumnos das escolas infantís fixaron un calendario de mobilizacións para mostrar o seu rexeitamento á postura da Consellería de Traballo e Benestar, que rexeitou a cesión das tres garderías que suman 360 prazas para nenos de 0 a tres anos.

O alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco, de Terra Galega, esixiu de novo á Xunta que se comprometa a financiar un terzo dos gastos das tres garderías xa construídas e dunha cuarta finalizada en Xuvia para que os centros poidan abrir as súas portas no próximo curso escolar 2012-2013. O resto do orzamento completaríase coas cotas fixadas para os pais e outro terzo que achegan as arcas locais.

O goberno naronés solicitou unha reunión urxente coa conselleira de Traballo, Beatriz Mato, para "tratar persoalmente este tema". Desde o consistorio subliñaron que xa pediran formalmente unha reunión o pasado 2 de febreiro "sen obter, polo momento, resposta algunha".

A corporación local e os pais afectados polo posible peche das garderías concentraranse o venres 23 ás 17:00 horas diante do edificio da Xunta en Ferrol para entregar as firmas recollidas contra o peche das escolas infantís de Narón.

O domingo 25, a concentración repetirase ao mediodía na praza de Galicia, detrás do concello de Narón e preparan un peche para o martes 27 nos centros, ao termo da xornada escolar.