Estatutos Galiza co Galego


CAPÍTULO I. DA ASOCIACIÓN EN XERAL.

Artigo 1. Denominación e ámbito.

Coa denominación de “Galiza co Galego” (en siglas GcG) constitúese unha Asociación sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, conforme á lexislación vixente e ao disposto pola Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.
O seu ámbito de actuación será Galicia e o resto do Estado Español onde estea presente a lingua e cultura de Galicia ou haxa interese polo seu coñecemento, sen prexuízo de que poida levar actuacións puntuais e de colaboración a calquera parte do mundo.

Artigo 2. Fins.

Os fins da organización “Galiza co Galego” son:
1.- Ser unha organización democrática, participativa e popular cun ideario laico e pluralista.
2. - Garantir o uso da lingua galega como lingua vehicular do ensino e do normal desenvolvemento no ámbito de actuación de Galiza co Galego.
3.- Fomentar a aplicación dos métodos e medios pedagóxicos e científicos necesarios para conseguir un ensino de calidade, na procura da excelencia, pondo especial atención na formación íntegra e solidaria e no respecto dos dereitos humanos e do medio.
4.- Aplicar a didáctica comparada das linguas romances: francés, italiano, galego, castelán, catalán, portugués....de xeito que se obteña a competencia lingüística dende o punto de vista da comunicación oral e escrita nunha delas, amais do castelán, do galego e do portugués; e noutras, a competencia na utilización dos recursos para lograr a súa comprensión escrita e fondar no seu estudo.
5.- Promover o estudo doutra lingua diferente das romances, por exemplo: o inglés, o alemán, o ruso, o chinés....que permita conseguir unha competencia lingüística suficiente nunha delas, ademais de procurar nocións de lingua vasca (éuscaro), como outra lingua do Estado Español.
6.- Recadar e xestionar os recursos económicos para a creación dunha Rede de Ensino Popular (REP) que ensine en galego e que sexa universal, laica e pluralista para todos os niveis educativos e con especial atención na educación da infancia.
7.- Dirixir a Rede de Ensino Popular en coordinación coa dirección das escolas e a comunidade educativa.
8.- Contribuír á formación, así como ao perfeccionamento e actualización pedagóxica da Rede de Ensino Popular a través do traballo en equipo das persoas asociadas.
9.- Apoiar as escolas privadas, laicas, democráticas e pluralistas que empreguen o galego como lingua vehicular do ensino.
10.- Desenvolver un proxecto educativo global en galego en convenio cos centros de ensino privados existentes e/ou coa creación de novos centros. Á REP poderá adherirse calquera centro que o desexe, sendo imprescindíbel que cumpra coas súas directrices.
11.- Crear, xestionar e manter unha empresa cooperativa, denominada para estes estatutos como Cooperativa de Ensino Popular “Avoaescola” (CEPA) que permita o exercicio real do dereito da cidadanía á educación en galego.
12.- Procurar os recursos necesarios para poder dar escola en galego a quen o necesite e axudarlles a conseguir ás familias os medios precisos.
13.- Reclamar dos poderes públicos a atención e os recursos económicos, humanos ou doutro tipo, necesarios para o desenvolvemento do galego no ensino, público e privado.



Artigo 3. Actividades.

Para o cumprimento dos seu fins a Asociación GcG poderá desenvolver todo tipo de actividades que considere precisas. A modo de exemplo detállanse as seguintes.
1. Realización de actividades culturais e promoción sociocultural.
2. Realización de actividades recreativas e reivindicativas.
3. Realización de actividades dirixidas á infancia, á xuventude, aos maiores e á sociedade en xeral.
4. Promoción e fomento do voluntariado.
5. Promoción de campañas de sensibilización entre a sociedade.
6. Articulación da captación de fondos de solidariedade, tanto da sociedade como das institucións.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos fins da asociación, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Artigo 4. Duración.

A duración da Asociación (GcG) será indefinida. O acordo de disolución farase conforme aos presentes estatutos.

Artigo 5. Domicilio.

O domicilio social estabelécese na rúa Venezuela, 33, baixo; código postal 15404, Ferrol (A Coruña). Este domicilio poderá modificarse por acordo da Asemblea Xeral.




CAPÍTULO II. DOS SOCIOS/AS.


Artigo 6. Alta e tipos de socios e socias.

Teñen a condición de socios/as, aquelas persoas maiores de idade que expresen, por escrito, o seu desexo de pertencer á asociación, e que sexan aprobados pola Comisión Reitora.
Os socios/as serán protectores/as, beneficiarios/as ou numerarios/as.
Socios/as protectores/as:
Son aquelas persoas que, libre e voluntariamente, realizan traballos non remunerados ou achegas que contribúen a que GcG poida conseguir os seus fins.
Socios/as beneficiarios/as:
Son aquelas persoas que contribúen ao mantemento de GcG, tanto poden ser alumnos/as coma titores, persoal docente ou non docente dun centro de ensino ou dun lugar de traballo que forme parte de GcG ou/ e da súa Rede (REP).
Socios/as numerarios/as:
Son aquelas persoas que, sen ser socios/as beneficiarios/as, contribúen ao mantemento de GcG e da Cooperativa de Ensino Popular “Avoaescola” (CEPA).


Artigo 7. Baixa de socios/as.

As persoas asociadas causarán baixa por algunha das seguintes razóns:
a. Por vontade propia.
b. Por falta de pagamento das cotas.
c. Pola comisión de accións que prexudiquen os intereses da asociación, mediante acordo da Asemblea Xeral.
d. Por incapacidade.
e. Por pasamento.



Artigo 8. Dereitos de socios/as.

1. Tomar parte, con voz, nas asembleas e demais órganos da Asociación.
2. Tomar parte, con voto, nas asembleas, conforme ao estabelecido nos seguintes apartados:
2.1 Os socios/as numerarios/as poderán exercer o seu dereito a voto nas asembleas xerais, cunha validez no reconto de 5 votos.
2.2 Dos socios/as beneficiarios/as:
Cada alumno/a poderá exercer o seu dereito a voto nas asembleas xerais cunha validez no reconto de 2 votos.
A representación dos alumnos/as, en caso de seren menores de idade, exercerana os seus titores, e poderá exercitarse este dereito en conxunto polos titores ou individualmente; en tal caso, exercerán a representación a partes iguais.
O Persoal docente e non docente dos centros de ensino asociados a Galiza co Galego (CEPA) e á súa Rede (REP) poderá exercer o seu dereito a voto nas asembleas xerais cunha validez no reconto de 2 votos.
2.3 Os socios/as protectores/as non terán dereito a voto.
3. Facer, por escrito, as propostas que consideren oportunas perante os órganos de goberno da Asociación.
4. Recabar información dos órganos directivos sobre o funcionamento da Asociación.
5. Gozar de todos os dereitos que como persoas membros da Asociación lles correspondan.
6. En caso de baixa voluntaria, á recuperación, en todo ou en parte, conforme á situación económica da Asociación, da cantidade achegada ao fondo social.
7. Elixir e seren elixidos/as para a Comisión Reitora, excepto no estabelecido no artigo 10.

Artigo 9. Deberes de socios/as.

1. Respectar os presentes estatutos.
2. Facer a achega correspondente ao fondo da escola popular -descrito no art. 32 punto c-, que excepcionalmente, coa aprobación da C.R., poderá substituírse por traballo voluntario.
3. Aboar as cotas de socios/as estabelecidas pola asemblea xeral.
4. Desempeñar os cargos para os que fosen elixidos.
5. Colaborar e participar, na medida das súas posibilidades, no bo goberno de GcG.
6. Fomentar as actividades da Asociación e participar nelas na medida das súas posibilidades.
7. Empregar os bens e actividades da Asociación GcG para o beneficio común da mesma.



Artigo 10. Incompatibilidades de socios/as.

1. Non poderá continuar sendo socio/a:
1.1Quen sexa membro doutras asociacións que persigan obxectivos contrarios a Galiza co Galego.
1.2Quen realizara actuacións contrarias, ou en oposición aos fins de Galiza co Galego.
2. Non poderá ser elixido/a para a Comisión Reitora:
2.1 Quen desempeñe cargos de responsabilidade nas Administracións Públicas.
2.2 Quen teña unha relación laboral coa Asociación GcG.
2.3 Quen teña unha relación laboral coa Cooperativa (CEPA) ou coa Rede de Ensino (REP), a excepción da persoa que a CEPA ou a REP elixa como representante na Comisión Reitora.
2.4 Quen desempeñe cargos de representación ou responsabilidade en partidos políticos, sindicatos, forzas e corpos de seguridade (tanto civís como militares) ou en igrexas, confesións ou comunidades relixiosas de diversa índole.
2.5 Quen sexa representante da cidadanía en calquera das Institucións políticas do Estado e/ou a nivel internacional.
2.6 Os socios/as protectores/as.



CAPÍTULO III. DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN.


Artigo 11 Órganos.

Serán órganos da asociación os seguintes:
a. Asemblea Xeral.
b. Comisión Reitora.

Artigo 12. A Asemblea Xeral.

A Asemblea Xeral de socios/as é o órgano de expresión da vontade da asociación. Estará integrada pola Comisión Reitora e as persoas socias.
Reunirase con carácter ordinario unha vez no ano e con carácter extraordinario cantas veces o acordar a Comisión Reitora ou o solicitar a quinta parte das persoas socias por medio dun escrito dirixido á Comisión Reitora autorizado coas sinaturas correspondentes e no cal se exporá o motivo da convocatoria e os asuntos que se van debater.
A Asemblea Xeral poderá aprobar os Regulamentos de Réxime Interno para as actividades específicas e concretas da Cooperativa de Ensino Popular e da Rede de Ensino Popular, e demais actividades que se organicen; tamén poderá aprobar aqueles aspectos do funcionamento da Asociación insuficientemente regulados nos presentes Estatutos. Os ditos Regulamentos non poderán contradicir, en ningún caso, o estabelecido nos presentes Estatutos.
Dende o momento da convocatoria, a Comisión Reitora considerarase en funcións, e todos os membros poñerán os seus cargos á disposición da asemblea de socios/as, que, de non haber o proceso de elección previsto no artigo 20 dos estatutos, os ratificará todos ou parte deles.
A Presidencia e a Secretaría da Asemblea serán elixidas polos socios/as, tendo a responsabilidade da constitución formal da mesma a Presidencia e a Secretaría da Comisión Reitora en funcións.

Artigo 13. Convocatoria de Asembleas.

A Asemblea Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, será convocada pola Comisión Reitora con 15 días de antelación, mediante os medios que garantan o coñecemento da convocatoria e expresándose nestes a orde do día.
Se a convocatoria dunha asemblea extraordinaria solicitada polo número de socios/as esixido no artigo 12 non fose realizada pola Comisión Reitora no prazo máximo estabelecido, será convocada polas tres primeiras persoas asinantes da petición.


Artigo 14. Facultades da Asemblea Ordinaria e Extraordinaria.

Son facultades da Asemblea Ordinaria e Extraordinaria:
a. O exame e a aprobación das cotas.
b. A aprobación da acta da reunión anterior e da memoria anual (cando for o caso).
c. A elección ou ratificación da Comisión Reitora, cando for o caso, conforme o estabelecido nos artigos 19 e 20.
d. A decisión sobre todos os aspectos relativos á asociación, o seu bo goberno e consecución dos seus fins.


Artigo 15. Validez das asembleas.

Para que as asembleas sexan válidas, será preciso que en primeira convocatoria asistan a metade máis unha das persoas asociadas. De non asistir este número ficará validamente constituída media hora máis tarde sexa cal for o número de persoas socias asistentes.
Artigo 16. Acordos das asembleas
Os acordos tomaranse por maioría simple de votos. En caso de empate decidirá o voto de calidade do Presidente/a.
Nos casos de disposición ou alleamento de bens, modificación de estatutos ou disolución da asociación, será necesario o voto favorábel das 2/3 partes das persoas socias presentes da asemblea.
Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos os socios/as.

Artigo 17. Composición da Comisión Reitora.

A Comisión Reitora estará composta por un mínimo de sete (7) socios e un máximo de vinte e cinco (25).
Son membros natos da Comisión Reitora os elixidos directamente pola asemblea xeral de socios.
Será condición para poder ser membro nato da Comisión Reitora ter unha antigüidade como socio/a de seis meses.
Estará organizada en: Presidencia (presidente/a, vicepresidente/a), Secretaría (secretario/a, vicesecretario/a) , Tesouraría (tesoureiro/a, vicetesoureiro/a), e vogais.
A Cooperativa de Ensino Popular “Avoaescola” e a Rede de Ensino Popular estarán representadas cada unha por un/unha vogal con voz con voto.
Os grupos, creados conforme ao artigo 24 apartados 11 e 12, poderán nomear un portavoz que, en caso de non ser membro nato da Comisión Reitora, poderá participar nela con voz e sen voto.
Os grupos poderán emitir informes, facer peticións e propor acordos á Comisión Reitora, que terá a obriga de incorporalos ao debate na súa orde do día.


Artigo 18. Comité Coordinador da Comisión Reitora.

Por acordo da C.R. (Comisión Reitora) poderá estabelecerse dentro da Comisión Reitora un Comité Coordinador co obxecto de favorecer a execución e coordinación do traballo.
A súa composición será de sete persoas, formando parte del, a Presidencia, a Secretaría, a Tesouraría e un/unha vogal.
As xuntas do Comité Coordinador reuniranse a petición de calquera dos seus membros.

Artigo 19. Elección da Comisión Reitora.

A Comisión Reitora será elixida nas Asembleas ordinarias ou nas extraordinarias convocadas para tal fin.
En todo caso será elixida cada tres anos, conforme o estabelecido no artigo 20 dos estatutos.


Artigo 20. Proceso de elección da Comisión Reitora.

O número de membros natos da C.R. que han elixirse na asemblea estará entre un mínimo de sete (7) e un máximo de vinte e tres (23) socios/as.

20.1 Dos candidatos/as.
As candidaturas individuais presentaranse á C.R. cunha semana de antelación, co obxecto de imprentar as papeletas. Farase por medio dunha soa lista aberta e organizada por orde alfabética, na que poderá participar calquera socio/a que cumpra cos requisitos estabelecidos nos estatutos. A elección farase en asemblea xeral, mediante votación secreta.
20.2 Das votacións.
A elección da C.R. realizarase polo sistema de votación acumulativa, coa finalidade de manter a proporcionalidade do voto, estabelecido no artigo 8 dos presentes estatutos.
Os socios numerarios e beneficiarios depositarán o seu voto de maneira diferenciada para así realizar o reconto conforme aos estatutos.
20.3 Dos socios/as numerarios/as.
Os socios numerarios disporán de quince (15) votos que se han de repartir, cando menos, entre sete (7) candidatos.
20.4 Dos socios/as beneficiarios/as.
Os socios/as beneficiarios/as disporán de seis (6) votos a repartir entre os candidatos.
Cando teñan a condición de titores de alumnos/as, no caso de titoría compartida, terán dereito cada un deles á parte proporcional (tres e tres) (3 e 3).
20.5 Da elección.
A elección recaerá sobre os socios máis votados, co límite máximo de vinte e tres (23) persoas.

20.6 Supostos.
Se por erro ou outras causas do votante non fose asignada a totalidade dos seus votos, os que falten anotaranse un a un entre os socios/as candidatos/as de maior antigüidade.
Se por erro ou outras causas se emitisen máis votos dos requiridos, o seu exceso restarase, un a un, de entre os candidatos/as de menor antigüidade.
En caso de empate, terá preferencia o socio máis antigo e, de persistir, repartirase o tempo de ocupación no cargo por orde alfabética en períodos de seis (6) meses.


Artigo 21. Garantía de representación.

Como garantía de representación dos asociados, no caso de que a Comisión Reitora ficase con menos de sete (7) persoas, estas estarán obrigadas a convocar unha Asemblea Xeral de socios/as.




Articulo 22. Reunións da Comisión Reitora.

A Comisión Reitora reunirase cando o solicite a Presidencia, a Secretaría, a Tesouraría ou 1/4 dos seus membros, e farao, como mínimo, cada tres meses .
A reunións da Comisión Reitora deberán convocarse coa antelación suficiente para facilitar a asistencia e celebraranse conforme á orde do día.

Artigo 23. Acordos da Comisión Reitora.

Os acordos da Comisión Reitora tómanse por votación, co criterio de “unha persoa un voto”, tómanse por maioría simple e para a súa validez requirirá da metade máis unha das persoas presentes. Se houber empate decidirá o voto de calidade do Presidente/a.
Todos os compoñentes da Comisión Reitora manterán a confidencialidade dos seus debates.

Artigo 24. Funcións e atribucións da Comisión Reitora.

A Comisión Reitora terá as seguintes funcións e atribucións:
1. A representación da asociación.
2. A súa dirección e xestión.
3. Elixir entre os seus membros natos os cargos de Presidencia (presidente/a, vicepresidente/a), de Secretaría (secretario/a, vicesecretario/a) e de Tesouraría (tesoureiro/a, vicetesoureiro/a).
4. Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
5. Confeccionar o plan de actividades.
6. Organizar e desenvolver as actividades aprobadas pola Asemblea Xeral.
7. Elaborar os orzamentos e balances.
8. Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben nas asembleas.
9. A designación da persoa ou persoas que representen a asociación perante calquera organismo público ou privado.
10. Fomentar a creación de grupos xeográficos que, como criterio organizativo básico, terán o seu ámbito de actuación na área de influencia dos núcleos de poboación (cidades e vilas).
11. Promover a creación de grupos de traballo que, a modo de exemplo, se enuncian como legais, económicos, sociais, pedagóxicos, organizativos, comunicativos, cooperativos, de escolas, etc
12. Dar cumprimento dos acordos adoptados nas asembleas xerais.
13. Velar polo cumprimento dos fins da asociación.



Artigo 25. Presidencia.

25.1 Correspóndelle ao Presidente/a:
a. Fixar, convocar e presidir as reunións da Comisión Reitora.
b. Presidir a constitución das Asembleas.
c. Preparar a orde do día das reunións, en comunicación co resto da directiva.
d. Velar para que se executen os acordos adoptados pola Asemblea Xeral ou a Comisión Reitora.
e. Dar o visto e prace ás certificacións que expida a Secretaría.
f. Ordenar os pagamentos validamente acordados.
g. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.
25.2 Correspóndelle ao Vicepresidente/a:
a. En ausencia do Presidente/a, realizar as súas funcións.
b. Auxiliar a Presidencia no cumprimento das súas funcións.

Artigo 26. Secretaría.

26.1 Correspóndelle ao Secretario/a:
a. Actuar como tal nas reunións, levantando acta das mesmas.
b. Asistir a Presidencia para fixar a orde do día e cursar as convocatorias.
c. Expedir certificacións
d. Custodiar os libros, os documentos e o selo da asociación.
e. Levar o rexistro e os ficheiros, e os libros que non estean encomendados a outro órgano.
f. Redactar a memoria anual, os plans de actividades e os documentos que foren necesarios.
g. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.
26.2 Correspóndelle ao Vicesecretario/a:
a. En ausencia do Secretario/a, realizar as súas funcións.
b. Auxiliar o Secretario/a no cumprimento das súas funcións.

Artigo 27. Tesouraría.

27.1 Son facultades do Tesoureiro/a:
a. Levar os libros de contabilidade.
b. Expedir os recibos das cotas ordinarias e extraordinarias.
c. Redactar os orzamentos e balances anuais.
d. Levar un inventario dos bens sociais.
e. Asinar, conxuntamente coa Presidencia, os escritos, cheques e documentos de crédito.
f. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.
27.2 Correspóndelle ao Vicetesoureiro/a:
a. En ausencia do Tesoureiro/a, realizar as súas funcións.
b. Auxiliar o Tesoureiro/a no cumprimento das súas funcións.


Artigo 28. Vogais

Serán facultades dos/as vogais realizar programas e propostas na súa área de actuación, así como desempeñar os traballos que lles sexan encomendados pola Comisión Reitora.


CAPÍTULO IV: DA REDE E DA COOPERATIVA DE ENSINO POPULAR “AVOESCOLA”.

Artigo 29. Definición da Rede de Ensino Popular.

É a agrupación de escolas que actúa coordinadamente, de xeito libre e democrático, conforme aos principios recollidos nestes estatutos.
A asociación GcG é a encargada da súa dirección e funcionamento.
A asociación GcG será a garante da viabilidade social e económica das escolas que integran a Rede.

Artigo 30. Definición da Cooperativa de Ensino Popular “Avoaescola”.

É unha empresa de ensino: cooperativa, democrática, laica, popular e pluralista, creada por Galiza co Galego para garantir o dereito da cidadanía ao ensino en galego.
Desenvolverá o seu traballo educativo conforme aos principios estabelecidos nestes estatutos.
Os socios/as numerarios/as de Galiza co Galego forman parte da CEPA, como socios/as.



CAPÍTULO V. DO RÉXIME ECONÓMICO.

Artigo 31. Patrimonio.

A Asociación terá patrimonio propio e independente. Funcionará en réxime de orzamento anual. Carece de patrimonio inicial.

Artigo 32. Medios económicos.

Os medios económicos para atender os seus fins serán os seguintes:
a. As cotas de socios/as das persoas asociadas, tanto ordinarias coma extraordinarias, de importe e periodicidade fixados pola Asemblea Xeral.
b. Todo tipo de contribucións públicas e privadas debidamente acreditadas conforme ás leis e que en ningún caso poderán contradicir estes estatutos nin influír ou condicionar o funcionamento de Galiza co Galego. A Comisión Reitora aceptará ou rexeitará estas contribucións e terá que dar conta detallada na seguinte Asemblea Xeral, que poderá revocar a decisión daquela.
c. A achega ao fondo da escola popular que efectúa cada socio/a, a modo de préstamo, por un importe mínimo de cen (100) e máximo de douscentos (200) euros, contribución que pode realizarse por xunto ou como máximo en dez (10) cotas nun período non superior ao ano.
A asemblea xeral de socios será quen determine o importe da achega ao fondo da escola popular, dentro dos límites estabelecidos. Os/as socios/as terán a obriga de aboar a diferenza en caso de que a achega satisfeita ao fondo da escola popular fose inferior, e a recibir a devolución correspondente no caso de ser superior.
d. Fondo da escola popular:
O fondo da escola popular ten por obxecto garantir o dereito dos socios/as á educación e constrúese coa cantidade económica que os socios achegan, ao mesmo, conforme o estabelecido no apartado c deste artigo. O fondo manterá unha reserva económica do 20%, a cal para o seu uso requirirá da aprobación da Asemblea Xeral.
e. Fondo de Garantía:
O Fondo de Garantía é a cantidade económica construída sobre a base das cotas ordinarias dos socios/as, necesaria para o funcionamento da Asociación para conseguir os seus fins conforme a estes estatutos.
A cantidade do Fondo de Garantía non poderá ser inferior ao 5 % dunha cantidade equivalente á que constitúa o Fondo da escola popular, nin inferior ao 5% do último orzamento nin ao 20% do total das cotas dos asociados/as.
O uso do Fondo de Garantía requirirá a aprobación da Asemblea Xeral.
f. Restitución e aplicación de beneficios:
Conforme á conta de resultados, á finalización do exercicio económico estabelecerase a porcentaxe da totalidade da achega realizada polo socio/a ao fondo da escola popular que, sen pór en perigo a consecución dos fins da asociación, ten dereito a que lle sexa restituída no caso de baixa.
No caso de que o resultado económico da asociación fose positivo á finalización de cada exercicio, os beneficios aplicaranse ao mantemento íntegro do fondo da escola popular; e a cantidade excedente, se a houber, destinarase ao fondo de garantía.


Artigo 33. Orzamentos e exercicio.

A Comisión Reitora elaborará todos os anos un proxecto de orzamento que presentará ante a Asemblea Xeral para a súa aprobación, así como a liquidación das contas do ano anterior, con idéntico obxectivo. A data de peche do exercicio asociativo será o 31 de decembro de cada ano.


CAPÍTULO VI. REFORMA DE ESTATUTOS.

Artigo 34. Reforma de estatutos.

Para que a reforma de estatutos sexa válida deberá contar cos votos favorábeis das 2/3 partes das persoas socias asistentes da Asemblea Xeral convocada ao seu efecto.
O votos serán secretos e o reconto dos mesmos realizarase conforme ao estabelecido no capítulo II: dos socios/as.



CAPÍTULO VII. DA DISOLUCIÓN.

Artigo 35.

A Asociación disolverase polas seguintes causas:
a. Cando se acordar en Asemblea Xeral convocada ao efecto e conte cos votos favorábeis das 2/3 partes das persoas socias asistentes. O votos serán secretos e o seu reconto realizarase segundo o estabelecido no capítulo II: dos socios/as.
b. Polas causas que determinen as leis vixentes.
c. Por sentenza xudicial.

Artigo 36.

Se tiver lugar a disolución, a Comisión Reitora efectuará a liquidación: alleará os bens sociais, pagará as súas débedas, se é o caso, cobrando os seus créditos e fixará o haber líquido resultante, se o houber.

Artigo 37.

De ter resultante, doaráselle a unha entidade con fins similares aos da Asociación.



DISPOSICIÓNS ADICIONAIS.

1ª- A NOSA LINGUA

O Galego, idioma natural e propio do espazo xeográfico denominado Galiza ou Galicia, é a lingua de Galiza co Galego.
Galiza co Galego comprométese á difusión, promoción e defensa do seu idioma.

2ª- A NOSA CULTURA

A cultura galega é o conxunto de tradicións (literarias, históricas, científicas... ) e de formas de vida do pobo de Galiza. Galiza co Galego desenvolverá as súas accións coa intención do seu fortalecemento.