30 abr. 2011

ACTO PÚBLICO EN PROL DA EDUCACIÓN EN GALEGO

Información de Xornal de Galicia
M.Pardo. 30/04/2011

Galiza co Galego e Prolingua celebraron un acto a prol da educación na lingua propia

Co obxectivo de reivindicar a educación en galego e para “difundir” o seu proxecto, a comisión promotora Galiza co Galego participou onte nun acto público a prol do ensino na lingua propia en Vigo.

Organizada pola plataforma Prolingua en colaboración coa propia comisión e coa participación do Concello vigués, o acto contou coa intervención de Francisco Limiar, un dos promotores da futura rede privada de escolas infantís no que o galego será a lingua vehicular. No seu relatorio, titulado Construíndo futuro; escolas en galego, este representante de Galiza co Galego destacou que o colectivo “está a piques de conseguir o seu obxectivo de chegar aos 3.000 apoios e conformar así unha rede de centros infantís en idioma galego”.

Actualmente (30/04/2011), a comisión promotora conta con 2.915 apoios, polo que só precisaría 85 máis ata o vindeiro 17 de maio para pór en marcha unha rede de centros que sería realidade no vindeiro curso 2011-2012.

Cada un destes apoios, que xa asinaron na web da comisión, comprométese a achegar entre 100 e 200 euros “dunha soa vez” para “facer viable” un proxecto que pretende “dar a posibilidade aos pais de educar aos seus fillos na lingua propia de Galicia”. Deste xeito, e no caso de que achegaran cadanseus 100 euros, alcanzaríanse xa os 300.000 euros, cantidade que sería máis que suficiente, segundo o colectivo, para poñer a rede en marcha.

As escolas coas que contactamos están sendo moi receptivas”, explicou Limiar, que ten o compromiso de varios centros privados, incluídos algúns urbanos, para adherirse ao que o principio será unha pre-rede de escolas que se comprometan a asumir un proxecto educativo que garante unha educación “laica, en valores e co galego como lingua vehicular”. Sería o primeiro paso para, en 2012, asentar o proxecto.

No acto de onte falaron tamén Henrique Costas, director de Normalización Lingüística e vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo; Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais, e Iolanda Veloso, concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo.