26 de ene. de 2012

Máis de 3156 apoios á rede popular de ensino en galego

Máis de 3156 persoas apoian  
a Rede Popular de Ensino en Galego
Ver apoios


Definición da Rede Popular de Ensino en Galego

Estará composta por un conxunto de instalacións de ensino de todos os niveis e modalidades, que teñan como obxectivo a transmisión de coñecementos científicos e útiles para a formación integral da persoa e nas que a lingua vehicular (lingua franca), a do ensino, sexa o galego.

Que a formación da persoa sexa realizada con criterios de pluralismo, respecto, tolerancia e diversidade, fóra de toda influencia relixiosa (laico).

O conxunto das escolas da Rede Popular estará ao servizo do Pobo de Galiza para poder ser usada por todos os seus habitantes; será universal e para todas aquelas persoas que desexen recibir unha educación en lingua galega.

A Rede Popular e cada unha das escolas será privada, sendo os seus propietarios os seus usuarios e impulsores, e correspondéndolle á comunidade escolar no seu conxunto a xestión educativa de cada centro e a participación no global da Rede.

A Rede manterá a súa independencia dos poderes políticos, a pesar das axudas que por lei lle puidesen corresponder, e desempeñarán a súa función para acadar os máximos resultados de competencia dos/das seus/súas alumnos/as, equiparables a nivel europeo conforme ao establecido na lexislación educativa vixente.

En diante, e para evitar calquera interpretación que dificulte o seu contido,)a rede popular galega privada de ensino en galego pasará a denominarse Rede Popular de Ensino en Galego.


1.- 
Apoio a creación dunha asociación popular “Galiza co Galego” que acade recursos económicos para a creación dunha rede popular galega privada de ensino en galego, a todos os niveis, con especial atención dende os niveis inferiores (de cero a 6 anos) deica a finalización da educación obrigatoria (sobre os 16 anos).

2.-
Apoio a creación dunha asociación popular “Galiza co Galego” cun ideario laico e pluralista.

3.-
Apoio a creación dunha asociación popular “Galiza co Galego” que promova e apoie as escolas privadas laicas que usen o galego como lingua de ensino.

4.-
Apoio a creación dunha asociación popular “Galiza co Galego” que busque conseguir, por medio do ensino en galego e métodos científicos, a competencia) lingüística nas linguas romances de tronco común, como o o portugués, o catalán, o castelán, o francés, o italiano...

--->
Aplicación da didáctica comparada das linguas romances: francés, italiano, galego, castelán, catalán, portugués... de xeito que se acade a competencia lingüística de comunicación oral e escrita nunha delas, ademais do castelán, e noutras, a competencia nos recursos para a súa comprensión escrita e a profundidade no seu estudo.

5.-
Apoio a creación dunha asociación popular “Galiza co Galego” para desenvolver un ensino científico e de calidade que, ademais, permita acadar a competencia lingüística noutro idioma como o inglés, o alemán, o ruso, o chinés... e nocións da lingua vasca (éuscaro), como outra lingua do Estado Español.

--->
Aplicación dos métodos e medios pedagóxicos precisos para acadar un ensino científico e de calidade, poñendo especial atención á formación solidaria en respecto aos dereitos humanos e ao medio, para o crecemento persoal e realización do individuo formado.

Estudo doutra lingua diferente das romances, como, por exemplo, o inglés, o alemán, o ruso ou o chinés, que permita a súa competencia lingüística.

6.-
Apoio a creación dunha asociación popular “Galiza co Galego” que axude ás familias para facilitarlles os medios - as ferramentas - para que poidan desenvolver a súa vida con normalidade en galego.

--->
É un dereito do Pobo e, polo tanto, unha obriga da asociación popular, favorecer na medida das posibilidades a inclusión de todas as persoas na Rede de Ensino, con independencia dos seus recursos económicos. A asociación popular buscará os recursos necesarios para poder dar escola en galego a quen o precisar. Tamén promoverá todo tipo de actividades co gallo de que as familias poidan ter un espazo en galego no que poderen convivir.

7.-
Apoio a creación dunha asociación popular “Galiza co Galego” que, unha vez en marcha, de inmediato poida poñer en práctica o proxecto educativo global en galego, como pode ser en convenio cos centros de ensino privados existentes ou coa creación de novos centros.

--->
Á Rede Popular de Ensino en Galego poderá adherirse calquera centro que o desexe, sempre e cando se garantan os seus principios de pluralismo e laicidade e se poña en práctica o proxecto educativo da Rede Popular de Ensino.

Será necesario que os centros cumpran os aspectos pedagóxicos e os principios de realizar o ensino en galego, laico e pluralista da Rede Popular de Ensino en Galego. A comunidade educativa participará na xestión global da Rede.

8.-
Apoio a creación dunha asociación popular “Galiza co Galego” que reclame da Administración Pública os recursos económicos precisos para o desenvolvemento dunha rede galega de ensino en galego, tanto na súa parte pública como privada.


---> Reclamaranse da Administración os recursos precisos, como o material didáctico, escolar, os libros de texto, a concesión de becas, etc.

9.-
Tendo en conta que a Asociación Popular “Galiza co Galego” contará con asociados nun número inicial de 3.000, que, ao mesmo tempo, na maior parte dos casos serán beneficiarios da Rede de Ensino en Galego, comprometo a miña afiliación á Asociación Popular “Galiza co Galego” cunha cota anual de 100 a 200 euros, que farei efectiva no momento da súa constitución.

--->
A Asociación Popular “Galiza co Galego” non terá ánimo de lucro; disporá duns estatutos democráticos, favorecedores da participación e control por parte dos asociados, supervisando que as escolas da Rede de Ensino en Galego cumpran coa súa función e cos principios fundacionais de laicidade, ensino en galego e pluralidade.

O inicio da actividade terá lugar cando se acaden 3.000 socios, que farán posíbel alcanzar os recursos económicos precisos para o funcionamento da primeira escola.

A cota fixarase anualmente en base ao presuposto anual do funcionamento do primeiro centro de ensino, nos limites que se establezan. A cantidade económica da cota dos socios terá a consideración de crédito, de fondo ou de garantía para o funcionamento das escolas.

O gasto orixinado polo mantemento do centro de ensino promocionado pola Asociación será asumido polo seus usuarios.

Á finalización do curso farase un balance social e pedagóxico do funcionamento da Rede e das escolas, achegando, no seu caso, as medidas correspondentes para manter o máximo nivel de competencia educativa.

Á finalización do curso farase un balance económico dos gastos da Asociación e dos recursos económicos empregados, rescatarse parte ou a totalidade do achegado, dependendo do resultado.

A renovación da cota anual farase cada ano nos termos indicados e calculada en base ao reparto do gasto entre todos os asociados en relación aos proxectos que se acorde desenvolver, e sempre nos límites económicos establecidos para a mesma.


As axudas económicas extraordinarias de persoas ou entidades (privadas ou públicas) non serán achegadas directamente á Asociación senón ás familias, como, por exemplo, becas, material, uso de inmobles...