17 may. 2010

Estatutos da "Comisión (promotora de ensino) : Galiza co Galego"

Estatutos “Comisión promotora: Galiza co Galego”


CAPĺTULO I. DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1.

Coa denominación de “Comisión promotora: Galiza co Galego”, (en siglas CGG) constitúese unha Asociación sen ánimo de lucro, no ámbito do Estado Español (España) con personalidade xurídica propia e plena en capacidade de obrar conforme á lexislación vixente.

Artigo 2.

O fin da asociación “Comisión promotora: Galiza co Galego” é a creación dunha organización, que se nomea para a súa concreción nestes estatutos como “Galiza co Galego” (con GcG en acrónimo), que promova, faga efectivo e garanta o dereito da cidadanía galega, en especial da infancia, á educación na lingua galega.

A organización GcG terá as seguintes características:

1.- Aplicación dos métodos e medios pedagóxicos precisos para conseguir un ensino científico e de calidade, na procura da excelencia, pondo especial atención á formación solidaria a respecto dos dereitos humanos e do medio, para o crecemento persoal e a realización da persoa formada.
2.- Recadará os recursos económicos para a creación dunha rede popular galega privada de ensino en galego, a todos os niveis, con especial atención aos niveis inferiores (de cero a 6 anos), deica a finalización da educación obrigatoria (sobre os 16 anos).
3. - Será unha organización democrática, participativa e popular cun ideario laico e pluralista.
4.- Promoverá e apoiará as escolas privadas laicas que usen o galego como lingua de ensino.
5.- Aplicará a didáctica comparada das linguas romances: francés, italiano, galego, castelán, catalán, portugués....de maneira que se alcance a competencia lingüística de comunicación oral e escrita nunha delas, alén do castelán, e noutras a competencia nos recursos para a súa comprensión escrita e a profundidade no seu estudo.
6.- Promocionará o estudo doutra lingua diferente das romances, como exemplo: inglés, alemán, ruso, chinés....que permita a súa competencia lingüística e que procure nocións de lingua vasca (éuscaro), como outra lingua do Estado Español.
7.- Procurará os recursos necesarios para poder dar escola en galego a quen o precise; axudará as familias e facilitaralles os medios e as ferramentas para que podan desenvolver a súa vida con normalidade en galego.
8.- O desenvolvemento dun proxecto educativo global en galego, como pode ser en convenio cos centros de ensino privados existentes, ou coa creación de novos centros. A GcG poderá adherirse calquera centro que o desexe, sempre que respecte e garanta os seus principios de pluralismo e laicidade e se poña en práctica o proxecto educativo aprobado por GcG.
Será preciso que os centros cumpran cos aspectos pedagóxicos e cos principios de realizar o ensino en galego, laico e pluralista da rede popular de ensino en galego. A comunidade educativa participará na xestión global da rede.
9.- A defensa diante dos poderes públicos e no seu caso da reclamación dos recursos económicos, humanos e de todo tipo, precisos para o desenvolvemento dunha rede galega de ensino en galego, tanto na súa parte pública como privada.

Artigo 3.

Para o cumprimento do seu fin a Asociación CGG poderá desenvolver todo tipo de actividades que se entendan precisas para a consecución do mesmo, e que, nomeadamente, como exemplo, se detallan:

1. Articulación da captación de fondos de solidariedade, tanto da sociedade como das institucións.
2. Promoción de campañas de sensibilización entre a sociedade.
3. Realización de actividades culturais e promoción sociocultural.
4. Realización de actividades recreativas e reivindicativas.
5. Realización de actividades dirixidas á xuventude.
6. Promoción e fomento do voluntariado.

Os beneficios que se obteñan de calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento do fin da asociación, sen que se podan repartir entre as persoas asociadas nin entre outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Artigo 4.

A duración da Asociación CGG será até o 17 de maio de 2012. O acordo de disolución farase conforme aos presentes estatutos.

Artigo 5.

O domicilio social estabelécese na rúa Venezuela 33, Baixo, Código postal 15404, na cidade de Ferrol (A Coruña).

CAPĺTULO II. DOS SOCIAS/OS.

Artigo 6.

Socias/os fundadoras/es:
Son aquelas persoas, maiores de idade, que están presentes no momento da constitución e asinan a acta constitucional.

Socias/os numerarias/os:
Son aquelas persoas, maiores de idade, que expresen o seu desexo por escrito de pertencer á asociación e teñan a aprobación da Comisión Reitora.
As socias/os fundadoras/es e numerarias/os teñen as mesmas obrigas e dereitos.

Artigo 7.

As persoas asociadas causarán baixa por algunha das seguintes razóns:
a. Por vontade propia.
b. Por falta de pago das cotas.
c. Pola comisión de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación, mediante acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria.
d. Por pasamento.

Artigo 8.

As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:

a. Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.
b. Elixir e ser elixidas para cargos directivos.
c. Facer as propostas que consideren oportunas por escrito diante dos órganos de goberno da asociación.
d. Solicitar información aos órganos directivos sobre a marcha da asociación.
e. Ter todos os dereitos que como persoa membro da asociación lle correspondan.

Artigo 9.

Son obrigas das socias e socios:

a. Fomentar as actividades da asociación e participar nelas na medida das súas posibilidades.
b. Desempeñar os cargos para os que foran elixidos.
c. Satisfacer as cotas que se estabelezan.
d. Respectar os presentes estatutos.

CAPĺTULO III. DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN.

Artigo 10.

Serán órganos da asociación, os seguintes:

a. Asemblea Xeral.
b. Comisión Reitora.

Artigo 11.

A Asemblea Xeral de socias/os é o órgano de expresión da vontade da asociación. Estará integrada pola Comisión Reitora e as persoas socias.
Reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Comisión Reitora, ou o solicite a quinta parte das persoas socias, por medio de escrito dirixido á Comisión Reitora, autorizado coas sinaturas correspondentes en que se expoña o motivo da convocatoria e os asuntos a debater.
Desde o momento da convocatoria, a Comisión Reitora considérase en funcións, e todas as persoas membro deixarán os seus cargos á disposición da asemblea de socias/os.
A Presidencia e Secretaría da Asemblea serán elixidas polas socias/os, tendo responsabilidade da constitución formal da mesma Presidencia e Secretaría da Comisión Reitora en funcións.

Artigo 12.

A Asemblea Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, será convocada pola Comisión Reitora con 15 días de antelación, polos medios que garanten o coñecemento da convocatoria, expresándose nestes a orde do día.
Se a convocatoria da asemblea extraordinaria non puidera ser realizada pola Comisión Reitora, será convocada polas tres primeiras persoas asinantes da petición.

Artigo 13.

Son facultades da Asemblea Ordinaria e Extraordinaria:

a. O exame e a aprobación das cotas.
b. Aprobación da acta da reunión anterior e da memoria anual (cando for o caso).
c. Elección da Comisión Reitora.
e. Decisión sobre todos os aspectos relativos á asociación, o seu bo goberno e consecución do seu fin.

Artigo 14.

Para que as Asembleas sexan válidas, será preciso que en primeira convocatoria asistan a metade máis unha das persoas asociadas. De non asistir este número, ficará constituída media hora máis tarde sexa cal for o número de persoas socias asistentes.

Artigo 15.

Os acordos tomaranse por maioría simple. Cando empatar, decidirase o voto en calidade da Presidencia.
Nos casos de disposición ou alleamento de bens, a modificación de estatutos ou disolución da asociación, será necesario o voto favorábel das 2/3 partes das persoas socias compoñentes da asemblea.

Artigo 16.

Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán todas as socias/os.


Artigo 17.

A Comisión Reitora estará composta por un mínimo de cinco socias/os e un máximo de vintecinco. A Comisión Reitora elixirá entre os seus membros os cargos de Presidencia, Secretaría e Tesouraría.
A Comisión Reitora poderá crear grupos xeográficos ou de traballo, en que haberá ao menos unha persoa membro nato da comisión reitora.
Os grupos poderán nomear unha portavocía que en caso de non ser membro nato da comisión reitora, poderá participar na mesma con voz e sen voto.
Os grupos poderán dar informes, facer peticións e propor acordos á comisión reitora, que terá a obriga de incorporalos ao debate na súa orde do día.

Artigo 18.

A Comisión Reitora terá unha duración máxima dun ano, sendo renovada nas Asembleas.

Artigo 19.

En caso de a Comision Reitora ficar con menos de 5 persoas membro, as restantes estarán obrigadas á convocatoria dunha Asemblea Xeral de socias/os.

Articulo 20.

A Comisión Reitora reunirase cando o solicitar a Presidencia, Secretaría, Tesouraría, ou 1/4 das súas persoas membro; con todo, farao, como mínimo, cada mes.

Artigo 21.

Os acordos tómanse por maioría simple e para a súa validez requirirán a presenza da metade máis unha das persoas presentes. Se houbese empate decidirase o voto en calidade da Presidencia.

Artigo 22.

A Comisión Reitora terá as seguintes atribucións:

a. A representación da asociación perante calquera organismo público ou privado, así como a dirección e xestión da mesma.
b. Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
c. Elaborar o plan de actividades.
d. Organizar e desenvolver as actividades aprobadas pola Asemblea Xeral.
e. Elaborar os orzamentos e balances.
f. Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aprobaren.

Artigo 23.

A reunións da Comisión Reitora deberán convocarse con antelación suficiente e celebraranse conforme a orde do día.

Artigo 24.

Son facultades da Presidencia:

a. Velar polo cumprimento dos fins da asociación.
b. Fixar, convocar e presidir as reunións da Comisión Reitora.
c. Presidir a constitución das Asembleas.
d. Acordar a orde do día das reunións en comunicación co resto da directiva.
e. Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral ou a Comisión Reitora.
f. Dar o visto e prace ás certificacións que expida a Secretaría.
g. Ordenar os pagos validamente acordados.
h. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.

Artigo 25.

Corresponde á Secretaría:

a. Actuar como tal nas reunións, levantando acta das mesmas.
b. Asistir a Presidencia para fixar a orde do día e cursar as convocatorias.
c. Expedir certificacións
d. Custodiar e levar os libros, documentos e selo da asociación.
e. Levar o rexistro e ficheiros.
f. Redactar a memoria anual, plans de actividades e os documentos que sexan necesarios.
g. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.

Artigo 26.

Son facultades da Tesouraría:

a. Levar os libros de contabilidade.
b. Expedir os recibos das cotas ordinarias e extraordinarias.
c. Redactar os orzamentos e balances anuais.
d. Levar un inventario dos bens sociais.
e. Asinar, conxuntamente coa Presidencia, os escritos, cheques e documentos de crédito.
f. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.


Artigo 27.

Serán facultades das vogalías, realizar programas e propostas na súa área de actuación, así como desempeñar os traballos que lles sexan encomendados pola Comisión Reitora.

CAPĺTULO IV. DO RÉXIME ECONÓMICO.

Artigo 28.

A Asociación terá patrimonio propio e independente. Funcionará en réxime de orzamento anual. Carece de patrimonio inicial.

Artigo 29.

Os medios económicos para atender os seus fins serán os seguintes:

a. As cotas das persoas asociadas, tanto ordinarias como extraordinarias.
b. Todo tipo de contributos públicos e privados.

Artigo 30.

A Comisión Reitora elaborará todos os anos un proxecto de orzamento, que presentará á aprobación da Asemblea Xeral. Alén diso, presentará a liquidación das contas do ano anterior para á súa aprobación. A data de peche do exercicio asociativo será o 31 de decembro de cada ano.

CAPĺTULO V. REFORMA DE ESTATUTOS.

Artigo 31.

A reforma de estatutos terá que ter o acordo das 2/3 partes das persoas socias da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao seu efecto.

CAPĺTULO VI. DA DISOLUCIÓN.

Artigo 32.

A Asociación disolverase polas seguintes causas:

a. Pola consecución do seu fin.
b. Por ter superado o seu período de duración.
c. Por acordo das 2/3 partes dos socios/as da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao efecto.
d. Polas causas que determine o Código Civil.
e. Por sentenza xudicial.

Artigo 33.

Se houbese disolución, a Comisión Reitora efectuará a liquidación, alleando os bens sociais, pagando as súas débedas, no seu caso, cobrando seus créditos e fixando o haber líquido resultante, se o houbese.

Artigo 34.

De ter resultante, doarase a unha entidade con fins similares aos da Asociación.