16 oct. 2009

Chamamento da cidadanía galega do movemento “Galiza co Galego”.

Chamamento da cidadanía galega do movemento “Galiza co Galego”.

Benquerid@s compañeir@s, cidadáns da Galiza

O vindeiro domingo 18 milleiros de galeg@s están chamados a participar na manifestación en defensa do galego, convocada pola plataforma cívica “Queremos Galego”.

Aínda que o movemento Galiza co Galego, non ten adoptado un acordo para a integración nesta plataforma, apoia con rotundidade este acto reivindicativo e chama a tod@s a participar, reclamando os dereitos da lingua galega, o dereito pleno ao uso total da lingua da nosa terra, Galiza.

Concentración polo ensino en galego.

Convocamos unha concentración previa a este acto para apoiar o ensino en galego ao pe do monumento “A Rosalía de Castro” na Ferradura (Alameda de Compostela) ás 11,30 horas.

O movemento Galiza co Galego quere dar un saúdo fraternal as diferentes plataformas que están a constituírse no País en defensa da nosa lingua.

Xuntanza de Galiza co Galego en Vigo o sábado 24, ás 6 da tarde.

Galiza co Galego ten convocados a máis dos seus 700 membros a unha xuntanza , o 24 de outubro, ás 18 horas, no Centro Cívico de Teis (Camino Maceiras s/n, 36207) en Vigo.

A xunta servirá para dar un pulo a constitución da rede popular de ensino en galego.

Dentro dos obxectivos de Galiza co Galego está en ser , para maio de 2010, unha organización de apoio, económico e social que con mais de 3000 asociados, faga efectivo o dereito de todos e todas a recibir unha educación na lingua propia de Galiza, o galego, a partires do 2011.



Agradecervos a todas e todos o voso apoio, e facervos unha chamada á participación e compromiso.

Os impulsores do movemento “Galiza co Galego” de ensino en galego, laico e universal, somos sabedores de que temos que ser nós, a sociedade galega, boa e xenerosa, quen faga efectiva a defensa da nosa lingua e dos dereitos da nosa infancia.

Estamos certos de que non podemos agardar por políticos e accións políticas que ignoran, minguan ou desprezan o propio.

Estamos certos de que o ensino en galego, pode saír adiante, co apoio inicial de 3000 persoas , que tan só con contribuír (con todas as garantías) cunha pequena e única achega económica (100 a 200 euros), seremos quen de poñer en marcha a rede infantil de escolas galegas, base para o desenvolvemento total da rede popular de ensino en galego.

A todos os que tendes apoiado coa vosa sinatura, grazas, mais os dereitos a educación da infancia galega, precisa de que sexamos activos e consigamos novos apoios.

Así facemos un chamamento para que se asine o manifesto e compromiso publicado na páxina web: http://limiargalego.blogspot.com/2009/04/pola-creacion-dunha-rede-popular-galega.html.

Agardamos e agradecemos a vosa participación en todos os actos en defensa do galego, de Compostela, e a asistencia a Xunta aberta de Galiza co Galego do sábado 24 en Vigo ás 6 da tarde.

Somos quen, e imos facer ensino en galego”.

"Galego o idioma da Galiza".

Comisión xestora “Galiza co Galego”.