2 may. 2009

Apoiando o ensino en galego, apoiando os dereitos das crianzas, e a lingua dos nosos antergos.

O día 17 de Maio unha vez de participar dun xeito activo na manifestación da mesa pola normalización lingüística en defensa do galego, formarase a xestora de Galiza co Galego, asociación que dará apoio económico ao ensino popular.

A proposta para a creación dunha rede popular de ensino en galego, que no futuro será apoiada economicamente por unha asociación privada de 3000 socios está a callar no movemento social que ten presenza en internet. Así estase a debater a proposta en diversos foros como Ciberirmandade ou Agal, e o grupo creado no foro social do facebook “3000 apoios para a rede popular de ensino en galego” está preto do 700 compoñentes en menos de 15 días , e os apoios recollidos neste tempo neste blog alcanzan sobre das 200 sinaturas, entre elas de asociacións, escritores, músicos, pedagogos, profesores, empresas...

De xeito espontáneo estase debatendo tamén, en grupos de educadores, universitarios, e nos sindicatos, como na CIG ensino.

O pasado día 15 no programa "O tren de serán" dirixido por Cristina Lombao, da Radio Galega, foi entrevistado Francisco De Limiar, segundo explicaba na entrevista, esta é unha iniciativa para promover o compromiso da sociedade civil co galego e o ensino en galego, xa que dende o comezo se ten claro que os poderes políticos (sobre todo os actuais de Galiza) son contrarios a que a cidadanía exerza os seus dereitos de ensino en galego. Terá que ser a iniciativa privada da sociedade civil, mantivo Francisco De Limiar, quen faga real o dereito das crianzas a ser educadas na súa lingua.

O 17 de maio este movemento apoia e participará dun xeito activo na manifestación da mesa pola normalización lingüística en defensa do galego.

Ao remate do acto realizarase unha xuntanza e comida de traballo (que pagará cada un dos asistentes) nun restaurante de Compostela preto a Praza Roxa, para debater a formación da xestora da asociación impulsora da rede popular de ensino en galego.