2 mar. 2011

A educación infantil e lingua

Que fermoso é escoitar a miña lingua en boca dos demais !! (Fernando Marta)
Acto de Galiza co Galego en Narón
Sábado 26 de febreiro 2011
Antón Cortizas (escritor e mestre) coa dialéctica que acompaña a condición dun grande divulgador, conseguiu conectar con total facilidade a contundencia dos fríos datos coas emocións humanas das que emana o amor pola lingua propia. Suxeriu as reflexións do público para de novo evidenciar a necesidade de apoiar ao que está en perigo por riba do que non ten ningún risco de desvanecerse.
Disertou sobre a importancia da diversidade lingüística no mundo e salientou que existen preto de 7.000 (6.909) linguas, o que indica a súa variedade. Comentou que se entende que unha lingua está en perigo de extinción cando ten menos de cen mil falantes; o galego é unha lingua usada por preto de 4 millóns de persoas no mundo (3,2 millóns conforme http://www.ethnologue.org), e que xunto co portugués ocuparía o 6º posto en número de falantes. Expuxo que a lexislación europea, recoñecida polo Estado Español, establece que no ensino debe de ser utilizada a lingua propia de Galiza. Analizou os prexuízos lingüísticos, establecidos e impostos, que son empregados (maliciosamente) para ir en contra do galego e do seu uso no ensino.
Explicou que a pesar de que antes de 1980 había mestres/as que usaban o galego, a primeira promoción de educadores/as de galego non foi ata ese ano. Durante tempo nestes comezos “do galego no ensino” aturaron ataques motivados pola intolerancia e polos prexuízos.
Subliñou como o galego é tamén unha porta aberta a outras linguas e que tan só precisa de sinxelas indicacións para poder entender o portugués.
Concluíu que o uso da lingua propia fai educandos máis felices, con maior auto-estima e recursos que agradecen.


Fernando Marta (educador infantil) desenvolveu a súa intervención poñendo énfase no labor dos educadores infantís na creación de espazos en galego que favorecen o desenvolvemento da infancia e predispoñen á aprendizaxe posterior doutras linguas.
As Galescolas, pola súa organización, pola parella educativa, por un excelente ratio educador-alumnos que permite atender necesidades “domésticas” (cambio de cueiros, dar auga, limpar os mocos,..) sen perder o ritmo educativo de cada xornada, pola calidade do seu proxecto pedagóxico e polo uso da lingua galega no ensino (a súa valorización), contaban co apoio ilusionado das educadoras/es. A súa transformación en Galiñas Azuis, nalgúns casos, fundamentalmente nas que xa estaban en funcionamento, supuxo tan só un cambio de nome. O que si se observa que está a suceder é que nalgunhas galiñas azuis de nova creación non se asume dende os educadores a necesidade de realizar o seu traballo na nosa lingua, que inclusive agora poñen impedimentos cando antes estarían dispostos a facelo por ter a oportunidade de traballar na rede de ensino infantil. É moi importante a concienciación e convencemento dos educadores galegos para impartir a educación en galego, conscientes do potencial e beneficios que isto ten.

Fernando Marta observa que no seu traballo, a experiencia previa tivo o resultado dunha mellora na calidade educativa, O seu labor estao a desenvolver con total normalidade en galego co apoio das familias e sen impedimentos por parte da administración.

O comezo da Rede Popular de Ensino (laica, en valores, de calidade e pluralista) na etapa infantil é unha moi boa nova a cal debe de se prestar un decidido apoio.



Miguel Seoane (coordinador da organización territorial de Comisión de Galiza co Galego) sen vencello co mundo da educación nin da política, pola súa condición de pai, viuse sensibilizado polo feito de que pais e crianzas teñan dificultade para exercer un dereito inalienable de calquera galego: o dereito natural á educación na lingua propia de Galiza. Aínda estando avalado este dereito natural por lexislación suficiente, na realidade, continúa a supor unha dificultade infranqueable para moitos pais dentro do ensino público e privado, especialmente nos últimos tempos. A evidencia deste feito é que seguen ingresando máis nenos galegofalantes na escola dos que saen. Isto significa un claro efecto do proceso desgaleguizador (en termos xerais) dun sistema educativo que non só non garante satisfacer ese dereito, senón que demostra o contrario. Isto a pesar do encomiable traballo de profesionais do ensino que dende dentro contrarrestan este efecto, mais en demasiadas ocasións sufrindo falta de amparo.
Considera un exercicio de dignidade como cidadán reivindicar ese dereito.
Informou de que se están a constituír grupos de traballo para poder levar adiante o proxecto de Galiza co Galego. Os avances do procedemento están a levantar un interese crecente que leva a traballar cos contactos da zona de Vigo para a formación dun grupo de apoio homólogo ao grupo de Ferrolterra. Este último ten encarrilada a súa constitución que se fará efectiva na primeira quincena de marzo cos apoios cos que se conta actualmente máis as persoas asociadas que se impliquen no proxecto. Para todos será un exercicio de coherencia e dignidade que alimenta a ilusión imprescindible para poder facer posible os dereitos nos que cremos.
A iniciativa popular é a solución e precisa da túa implicación.
Francisco de Limiar (presidente da Comisión), fixo mención ao Colexio “Santiago Apóstol” de Bos Aires, que leva anos impartindo ensino en galego, sendo un exemplo de orgullo para a diáspora. Que o mesmo que dende a emigración, a inicios do século pasado, contribuíron a educación en Galiza os coñecidos como “indianos” (con moitos exemplos na comarca), corresponde neste tempo facer o propio dende a iniciativa popular que representa Galiza co Galego.
Informou de que a Comisión de GcG comezou os contactos coas escolas infantís de Galiza, (co apoio/aval da Unión de Cooperativas de Ensino), facéndoos participes do Proxecto de Rede e Educativo Marco, elaborado en colaboración co movemento social, sindical e de Renovación Pedagóxica.
Deste traballo recollerase o grao de implicación das escolas cara á creación da Rede Infantil
e así poderase ofertar as familias as mellores opcións.
Noutro eido estase a traballar para conseguir pór a disposición das escolas recursos pedagóxicos e actividades de calidade que supoñan espazos educativos de apoio en valores en lingua galega.